Saturday 11 de May de 2024

Benestar Social recibe en tres días preto de 400 peticións de material didáctico e recursos dixitais por parte do alumnado da cidade


 

A alcaldesa, Inés Rey, solicita a colaboración da dirección dos centros de ensino da cidade para poder achegarlles estes recursos ás nenas e as nenos que non teñen acceso dixital

O Concello recibiu 380 peticións de axudas de
material didáctico e recursos dixitais durante os tres primeiros días do inicio do
programa “Ninguén Atrás”, organizado polas concellerías de Benestar Social e
Educación, e que ten por obxectivo paliar as necesidades educativas do
estudantado da cidade con dificultades para poder acceder ao seu material
formativo.

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que, para desenvolver este programa con éxito é
necesario que o persoal directivo dos centros educativos se implique, polo que lle
pide, nun momento excepcional, que colabore co dito programa. ““Trátase de
garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación. Obxectivo que debe
ser irrenunciable para todos os poderes públicos. A nosa vontade de axudar,
equipar e achegarlles os recursos educativos ás nenas e nenos da cidade en
situación de vulnerabilidade é firme. Non permitiremos que este alumnado quede
atrás pola falta de recursos nos seus fogares e creo que, nesta situación, docentes,
familias e nós mesmos, aínda que as competencias en Educación sexan da Xunta

Nota de Prensa

de Galicia, temos que traballar conxuntamente para evitarmos que a fenda dixital
sexa aínda máis profunda neste momento”, apuntou Rey.
O Concello habilitou o teléfono 981 184 294 para que as familias poidan realizar as
súas solicitudes. O persoal técnico do CMIX é o encargado de recoller unha serie de
datos para coñecer o curso da/o alumna/o e a súa situación persoal, xa que é
necesario acreditar un informe de Servizos Sociais sobre a situación de
vulnerabilidade das persoas demandantes.

En concreto recibiu:
-274 solicitudes de alumnado de educación primaria.
-81 peticións por parte de alumnado da ESO.
-6 de alumnas/os de bacharelato.
-15 de alumnado de formación profesional.
-4 de educación infantil.

A intención do Goberno local é dotar de material didáctico o alumnado que o
necesite e de recursos informáticos as e os escolares máis desfavorecidos que non
poden acceder aos seus materias formativos. O Concello non pode permitir que
nuns momentos tan complicados coma estes as rapazas e os rapaces das familias
sen recursos non continúen coa súa educación debido á súa situación
socioeconómica. A través desta campaña, as concellerías de Benestar Social e de
Educación, coa colaboración do voluntariado, repartirán o material didáctico entre o
alumnado que non dispón de acceso á internet e que até agora non puido
desenvolver as súas tarefas ou que as realizou con dificultade.
Este programa súmase ás iniciativas que o Concello puxo en marcha desde que se
declarou o estado de alarma para atender as necesidades da cidadanía que se
encontra nunha situación de vulnerabilidade.